A distopía tornouse realidade: a ficción científica como metáfora do control total

Títulos de ciencia ficción CC-BY-SA Praza Pública

O Estado Único Universal vixía ata o último recanto da vida dunha cidadanía sen memoria. Os libros están prohibidos e as omnipresentes pantallas substitúen a realidade pola ilusión virtual. As drogas, a relixión, a propaganda, o consumo e os falsos medos garanten a submisión da poboación. Os ricos someteron definitivamente aos pobres. A liberdade é pura quimera, e o gran cerebro electromagnético que o controla todo, o Alom, procura o xeito de culminar a misión para o que foi programado: a construción da Sociedade Perfecta de seres humanos felices no seu aparvamento. Para logralo, promove un experimento científico para introducirse no pensamento de cada persoa e así poder modificalo ao seu xeito.

Así é o mundo que describe Manuel Lourenzo González en Atl (Xerais). Mais, despoxado dos elementos máis fantasiosos, podería ser o noso. O Gran Irmán de Orwell saltou dos réximes totalitarios ás democracias televisivas. E os seus mecanismos de control social tornáronse cada vez máis sofisticados. O futuro xa está aquí, e amosa conexións coas distopías de Orwell, Huxley e Bradbury. A ficción conquistou a realidade, como dicía J.G. Ballard. Por iso, a ciencia ficción pode lerse, se cadra máis ca nunca, como novela sociolóxica e política.

Atl gañou o premio Blanco Amor 2011. E chegou ás librarías ao mesmo tempo que 15.724 de Xesús Constela, a historia dunha Patria asentada na mentira. Galaxia editou, tamén hai pouco, 2044 de Eduardo Santiago. A ficción científica é un xénero cada vez máis desenvolvido na literatura galega. Mais a súa presenza nas nosas letras non é un fenómeno recente. O investigador Jorge Emilio Bóveda prepara un ensaio sobre o tema. “A primeira novela que podería considerarse de protociencia ficción galega foi dun galego afincado en Cuba: Luís Otero Pimentel. O libro titulouse Campaña de Caprecórneca (A Habana, 1898) e describía unha viaxe á lúa na liña das dos precursores da ciencia ficción moi anteriores a Xulio Verne”, explica.

"Non veríamos un rexistro concreto do xénero ata 1926, cando Dieste publica en 'Dos arquivos do trasno' o conto '11926'

Pero non veríamos un rexistro concreto do xénero ata 1926 cando Rafael Dieste publica no seu libro Dos arquivos do trasno un conto titulado 11926, na liña de A máquina do tempo de H.G. Wells, facendo comezar, ao meu ver, non exactamente o xénero da ficción científica en galego senón o subxénero da utopía negativa (distopía) ou a ucronía, que non estouparía ata os anos setenta coa obra Elipsis e outras sombras de Xosé Luís Méndez Ferrín”, engade.

As editoras especializadas en literatura fantástica Urco e Contos Estraños -que traballa no terceiro número da súa revista- están a contribuír a darlle pulo a un tipo de narrativa que, aínda que en infantil e xuvenil tivo sempre o seu espazo -con títulos como A máquina do tempo e O centro do labirinto de Agustín Fernández Paz, A sombra cazadora de Suso de Toro ou Andanzas e amizades dun robot pequeno de Paco Martín e Úrsula Heinze-, foi durante moito tempo considerada un xénero menor.

Lémbrao ben o escritor Ramón Caride, autor de Soños eléctricos (1992), Perigo vexetal (1995), Ameaza na Antártida (1997), O futuro roubado (2000) ou Exogamia 0.3 (2011). “Cando gañei o Blanco-Amor coa que foi a miña primeira novela, Soños eléctricos, parte da crítica dixo que o libro era un pretexto para facer ciencia ficción en galego, que o facía por militancia... Daquela amoloume bastante, a verdade. Era como se tiveses que dar explicacións por facer ciencia ficción. Pero pasou o tempo e decateime de que a novela foi útil, porque houbo xente que comezou a ler en galego con ela...”, salienta.

A propia evolución do xénero propiciou, ao ver da profesora da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra, que tanto a crítica como as editoras ou os premios literarios lle fosen prestando, co tempo, máis atención. “Houbo certo rexeitamento ao que poderiamos chamar actitudes impostadas, de facer tal tipo de literatura porque toca, por vontade de encher un oco. Pero é o mesmo que pasou co policial: foi sendo máis respectado a medida que melloraba a súa calidade”, opina.

Nova andaina dende os 70

Desde aquelas obras pioneiras de Pimentel e Dieste, foi nos 70 cando o xénero comezou a súa andaina na nosa literatura, con títulos como Galou Z-28 de Lois Diéguez, O leito de Nacho Taibo e Homes do espacio de Lois Fernández Marcos.  Dos 80 son Pae s.XXI. No comezo dunha nova historia da humanidade de Tucho Calvo, Ucronía: os anos acochados de Manoel Antonio de Xesús González Gómez ou Reportaxe cósmico de Xosé Fernández Ferreiro, ademais de libros de literatura infantil e xuvenil como A viaxe alucinante de Peter o cosmonauta de Xoaquín Agulla Pizcueta e Moncho e Driar de María García Yáñez.

Nos 90 multiplícase, como no resto da literatura, o volume de títulos. Soños eléctricos de Caride, Tránsito dos Gramáticos de Marilar Aleixandre, Visitante das estrelas de Agustín Fernández Paz, Mutacións Xenéticas de Fina Casalderrey, Os dados de Deus de Arturo Lezcano, O cervo na torre de Darío Xohán Cabana, Hipogrifo de Antón Risco e Bailarina de Manuel Seixas son algunhas das obras do xénero máis coñecidas desta década. De volta do 2000 publicáronse moitas outras, como O caderno de bitácora. Aventuras espaciais de María Reimóndez, Canícula de Mariña Pérez Rei ou Unicrom de Rosa Enríquez.

Na liña da distopía sitúa Jorge Emilio Bóveda novelas como Atl, Spam de Francisco Castro, Se buscabas un deus de Xabier Quiroga ou Costa norte/ZFK de Xurxo Borrazás. A lectura política é clara tamén en Luces de Fisterra de Carlos Mella, -a era fraguiana levada ao esperpento- ou Obediencia de Antón Lopo, -coa súa Galicia republicana do século XXII-. “É un subxénero, a distopía, que se presta a imaxinar os desacougos de Galicia (opresión, ditadura, escurantismo histórico da lingua, etc) enfocados no futuro. Como se deu noutras realidades históricas como a soviética ou a cubana, que purgaban as represións gobernamentais por medio das obras de ficción científica”, reflexiona Bóveda.

"Dada a rapidez dos avances tecnolóxicos, á ficción científica quédanlle as vías do fantástico e das aventuras"

“E se houbese que falar dunha consolidación vía aumento de publicacións do tema eu veríaa factible pola vía das literaturas distópicas”, engade. Dolores Vilavedra suxire, pola súa banda, no seu ensaio A narrativa galega na fin de século, que á ficción científica, dada a rapidez dos avances tecnolóxicos e da súa difusión, “quédanlle as vías do fantástico e a das aventuras”, xa que “a vía sociolóxica, á que se adscribiría Soños eléctricos, hoxe, cando apenas encetamos o século XXI, é xa só un dos modelos posibles de realismo”.

Con ese realismo que apunta á actualidade ten moito que ver a crítica da alienación laboral de Francisco Castro en Spam, ou a chamada á resistencia de Xabier Quiroga en Se buscabas un deus contra as estruturas estatais que espían os cidadáns e violan os seus dereitos en nome da Seguridade. Este tipo de novela de ficción científica de pouso sociolóxico aposta moito, así, pola denuncia dos intentos de control absoluto e narcotización colectiva tan propios da fase actual do capitalismo neoliberal. “É que é un dos temas dos nosos tempos. Queren facernos crer que tomamos decisións libremente, pero hai unhas forzas veladas que determinan o que pasa, e os demais só podemos sufrilo, como estamos vendo estes días. Somos manexados, por iso a ficción é unha parábola, unha alegoría... da realidade. Non é o futuro, é o presente”, asegura Xurxo Borrazás.

María Reimóndez e Ramón Caride © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.