Denuncian os recortes de fondos para bibliotecas, "máis necesarias ca nunca na crise"

As bibliotecas cumpren na actualidade moitas máis funcións que ser simplemente un centro de depósito e préstamo de libros © ANABAD-Galicia

Finalmente a biblioteca municipal do Concello de Agolada non pechará as súas portas este 1 de xullo, como anunciara. O PP, que goberna con maioría, aceptou unha moción do PSOE para que o centro se mantivese aberto algún día á semana. Serán dous días, finalmente, "unha solución moito mellor que o peche, en calquera caso", para Olimpia López, presidenta de ANABAD-Galicia, a asociación que agrupa os profesionais de bibliotecas, arquivos e museos.

Porén, a situación de Agolada estase reproducindo noutros concellos de Galicia, e noutras institucións e organizacións: en tempos de crise bibliotecas e arquivos, ao igual que outras institucións e servizos culturais, parecen ser os elementos máis prescindibles nos orzamentos públicos. ANABAD leva meses analizando e denunciando os sucesivos recortes de fondos para o funcionamentos das bibliotecas municipais, e lembra que non se deben entender como cun gasto, senón coma un "investimento", valorándoas non con criterios económicos, senón con criterios sociais.

ANABAD leva meses analizando e denunciando os sucesivos recortes de fondos para o funcionamentos das bibliotecas municipais

Defenden que este tipo de centro público presta servizos aos cidadáns, "facilitando o acceso á información e á formación, e contribúen á igualdade de oportunidades" e salienta que é precisamente en tempo de crise cando se fan máis necesarios, "pois é nestes momento nos que moita xente non ten outros recursos para acceder á cultura ou á información", di Olimpia López. "Hai xente que non ten acceso á Internet ou que non dispón de ferramentas para acceder a información máis complexa", explica, ao tempo que reclama unha meirande comprensión do papel que cumpren as bibliotecas na actualidade, máis aló de gardar e emprestar libros: "a función das bibliotecas é dar acceso á información, nun senso clásico a publicacións convencionais, e nun senso máis moderno a outro tipo de información contida en soportes dixitais e Internet".

Lamenta que nos tratan "coma se fósemos un compartimento estanco e ademais totalmente desligado das novas tecnoloxías, cunhas visións moi vellas do que son as bibliotecas e os arquivos"

ANABAD-Galicia lamenta que os tratan "coma se fósemos un compartimento estanco e ademais totalmente desligado das novas tecnoloxías, cunhas visións moi vellas do que son as bibliotecas e os arquivos". E engade que "bibliotecas e arquivos somos fundamentais para o bo funcionamento dunha institución ou empresa, melloramos a súa transparencia e a información interna". Denuncia, así mesmo, o novo Plan Estratéxico para a Cidade da Cultura, que xunta nun mesmo edificio o Arquivo de Galicia e a Biblioteca de Galicia, priorizando un viveiro de empresas. "Galicia ten que ter unha Biblioteca e un Arquivo, independentemente de que estean no Gaiás ou noutro lugar", di Olimpia López.

As bibliotecas cumpren na actualidade moitas máis funcións que ser simplemente un centro de depósito e préstamo de libros © ANABAD-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.