A folga que non será na educación de Galicia

Manifestación de estudantes en Ferrol CC-BY-SA Suso

Será difícil que a folga convocada polos sindicatos estatais para o vindeiro 22 de maio en todo o ensino triunfe en Galicia. Sería unha milagre que o paro destinado a protestar contra os recortes na educación pública tivese algún eco no país. Polo momento, tan só CCOO apoia deter a actividade nos centros públicos. A propia UGT galega, ao contrario que a súa matriz a nivel español, anunciou xa o pasado luns que non secundará a folga ante o “inminente final de curso e o desgaste sufrido polo profesorado”, que xa apoiou dúas folgas nos últimos meses e que se atopa agora “en datas propias de avaliación no bacharelato”.

UGT, STEG e CIG non secundan a folga, mentres que ANPE e CSIF terán que decidilo pero optan por non apoiala

Non será o único sindicato que non secunde a folga en Galicia, aínda que a maioría apoia as mobilizacións que acompañen a xornada de protesta. O STEG resume en varios motivos as razóns da súa negativa. “A estratexia da Xunta de non aplicar todos os recortes, que é algo electoralista pero que desmobiliza; a data escollida, porque cadra preto da ponte das Letras; e a postura inmobilista de Educación fronte aos paros, o que ten xerado un efecto de desgaste nun profesorado que demanda outras formas de protesta”, aclara Sonia Fernández, responsable de comunicación da organización sindical.

A CIG, pola súa banda, xa amosara o seu rexeitamento á convocatoria de folga hai tempo ao considerar que os problemas no país non son exactamente iguais aos do resto do Estado e ao argumentar que “non hai tempo dabondo para preparar con seriedade o paro”. O sindicato independente ANPE aínda non ten unha decisión tomada, pero a opción é desmarcarse da súa matriz estatal. “En Galicia xa se fixeron dúas folgas e os profesores xa sufriron dous recortes, polo que o Real Decreto estatal vai ter xa pouco efecto aquí”, xustifica Julio Díaz, presidente da organización, que cre que as centrais “deben facer unha valoración autonómica do que ocorre”.

"A falta de unión sindical tamén aumenta o desánimo entre o profesorado"

Ademais, o CSIF tampouco o ten decidido aínda, pero todo semella indicar que tampouco secundará unha folga que polo momento só apoia CCOO. Os sindicatos coinciden no “desgaste” do profesorado ante os recortes xa aplicados pola Xunta e as mobilizacións anterior, pero fontes das organizacións tamén culpan ao “desánimo” ante “a falta de unión sindical escenificada na existencia de dúas plataformas a prol do ensino público” no propio país.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público conta co apoio da CIG, Comités, Liga Estudantil, Anpas de varias comarcas galegas, Galiza Nova ou a AS-PG, mentres que a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, á imaxe e semellanza do colectivo estatal, xunta a CCOO, UGT, Confapa, Iesga, Sindicato de Estudantes e Escola Viva. Malia os tímidos intentos por unir esforzos, as mesmas fontes ven “moi lonxe e complicada” esta posibilidade ante as diferenzas entre algúns sindicatos.

Concentración contra os recortes no ensino público en Santiago © @BNGCompostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.