"PP e PSOE teñen o mesmo modelo para a universidade, case non hai diferenzas"

Adrián Dios diríxese a outros estudantes durante un peche en Económicas © Liga Estudantil

Adrián Dios, membro da Liga Estudantil, destaca a unidade de toda a comunidade universitaria contra o Real Decreto do Goberno e ante a xornada de folga.

Que resposta están tendo as mobilizacións?

A resposta parécenos moi positiva. Hai receptividade, tanto por parte dos estudantes como da comunidade universitaria en conxunto. De feito, nos peches participa moita xente, tamén moita que nunca formou parte dos movementos estudantís, pero que ve que están sendo mermados os seus dereitos e que decide loitar por eles. Que mozos e mozas que nunca participaran activamente nestes movementos decidan durmir tres días nunha biblioteca para defender os seus dereitos xa é todo un éxito.

E a resposta do profesorado?

Tamén é moi boa, así como do equipo reitor das universidades. Aquí en Santiago, onde o equipo reitor non adoita apoiar as reivindicacións estudantís, desta vez posicionouse claramente contra o Real Decreto; ademais, desde o equipo xestor estase facilitando que profesores e persoal administrativo se poidan sumar á folga. Hai apoio ás reivindicacións. 

Como resumiría brevemente o que supón o Real Decreto para as universidades?

Primeiro de todo, vai empeorar a calidade do ensino superior, porque se reducen os recursos e os docentes. Elitízase a capacidade de seguir estudando no sistema universitario público, porque as taxas vanse incrementar até nun 66%, unha cifra que pode ser aínda superior se o alumno non se presenta ou suspende materias. Ademais, aumentará o número de alumnos por cada profesor, polo que todas estas medidas non fan máis que reducir a calidade do ensino. O que está claro é que é unha estratexia destinada á mercantilización da universidade. A estratexia para as universidades da UE xa fora aprobada polo goberno anterior e, desde que chegou Feijóo ao Goberno da Xunta, o orzamento para as universidades reduciuse nun 19%. Ao final queren converter a universidade nun espazo de lucro e evitar ou dificultar o acceso dos fillos das clases traballadoras ás carreiras.

"É unha estratexia destinada á mercantilización da universidade"

Preténdese favorecer á universidade privada?

Todas as medidas van encamiñadas tamén a equiparar a capacidade de entrada na universidade pública coa privada. A docencia e a calidade da universidade sempre foi mellor no ensino público, pero estes novos criterios ábrenlle un espazo á privada. As matriculacións na universidade privada aumentan, mentres na pública establécense numerus clausus e súbense os prezos para dificultar máis a chegada de alumnos.

Que opinión lle merece a resposta da clase política?

Tanto PP como PSOE aceptaron as políticas marcadas pola UE para a universidade nos últimos anos e ambos os dous partidos seguen un modelo co que non estamos de acordo e ao que non ofrecen alternativas. PSOE e PP pactaron hai tempo o seu modelo de universidade e seguen unha mesma liña, sen moitas diferenzas.

"O modelo de PP e PSOE para a universidade segue a mesma liña; non hai moitas diferenzas"

Seguirá o calendario de mobilizacións tras a folga?

O noso horizonte non é outro que seguir mobilizándonos. Por desgraza, non temos moitos máis espazos nos que protestar. O que é evidente é que, por primeira vez, a comunidade educativa posicionouse en bloque contra o Real Decreto. Todos os reitores das universidades galegos amosaron claramente o seu rexeitamento e agardamos que esta unión tamén incida á hora de facer rectificar ao Goberno. De todos os xeitos, a folga só é unha máis das mobilizacións, non a única. Esperemos que se revirta o Decreto, pero tamén temos claro que isto non é unha cuestión puntual dun Decreto, senón un proceso global de desmantelamento de todos os servizos públicos. As nosas reivindicacións tamén son globais porque esta estratexia neoliberal afecta a todo.

Adrián Dios diríxese a outros estudantes durante un peche en Económicas © Liga Estudantil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.