Literatura científica do século XIV, e en galego

Imaxe dunha das copias manuscritas que se conservan do 'Liber de medicina equorum' © http://doc.med.yale.edu/

En 1250 Giordano Ruffo, escudeiro de Federico II, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico e Rei de Sicilia, escribiu un tratado de veterinaria e albeitaría Liber de medicina equorum, un texto redactado en latín, de carácter práctico, no que condensou os seus coñecementos sobre os coidados dos cabalos e as súas enfermidades. A obra circulou moi rapidamente pola Europa da Baixa Idade Media e, primeiro en Italia e despois noutros territorios, converteuse nunha obra de referencia, sendo traducida nas décadas seguintes a varias linguas: francés, italiano, siciliano, provenzal, alemán, catalán, hebreo, e tamén galego. Literatura científica medieval que, case de inmediato, era traducida ao galego, lingua de corte e de indubidable prestixio naquel tempo.

A obra circulou moi rapidadamente pola Europa da Baixa Idade Media e converteuse nunha obra de referencia, sendo traducida nas décadas seguintes a varias linguas: francés, italiano, siciliano, provenzal, alemán, catalán, hebreo, e tamén galego

Esta versión manuscrita en galego consérvase na Biblioteca Nacional de Madrid e este mércores vén de presentarse no ILG unha edición transcrita, comentada e analizada, a cargo de Gerardo Pérez Barcala, produto da investigación que centrou a súa tese de doutoramento. O autor comezou a traballar neste texto hai algo máis dunha década, pouco antes do pasamento do profesor José Luís Pensado Tomé, e descubriu que a edición que se levara a cabo a partir do manuscrito traducido ao galego contiña erros, que se advertían ao cotexar o texto co orixinal latino e con outras traducións contemporáneas. A edición presentada este mércores, sen alterar a realidade lingüística que reflicte o códice que a envía, opta pola súa regularización gráfica e axúdase doutros elementos da tradición do De medicina equorum para corrixir algunhas das probables deficiencias.

Pérez Barcala destaca a importancia do texto no momento da súa redacción, e a súa rápida difusión pois case de inmediato fixéronse un gran número de copias manuscritas en latín. De feito, na actualidade coñécense, cando menos, sesenta manuscritos nesta lingua. Ademais, moi rapidamente, en poucas décadas o tratado contaba xa con varias traducións a linguas romances, sobre todo ao italiano, lingua da que se conservan igualmente ducias de copias daquela época. Ademais, foi un texto que tivo moita influencia no seu momento e tamén en traballos e tratados de veterinaria nos séculos seguintes. "Foi un texto moi difundido, era moi importante porque os cabalos eran moi importantes, e este tratado ensinaba como coidalos ben. Os cabalos eran un signo de distinción da nobreza, que usaban para cazar e para desprazarse", destaca o autor.

Naquel tempo podíase ter acceso a algúns tratado clásicos, gregos e latinos, sobre veterinaria e coidado dos cabalos, coma a coñecida Hippiatrica bizantina. Pero, como destaca Pérez Barcala, "o texto non revela as súas fontes. É posible que o tratado teña na súa base estudos e tratados clásicos, pero non o revela. E polo que parece, ao ler o documento, Ruffo parte sobre todo da súa experiencia como responsable do coidado dos cabalos de Federico II".

"É posible que o texto chegase en tempos de Afonso X, pois tamén na súa corte se escribiron textos relacionados cos cabalos e pode que nese momento se decidise a súa tradución ao galego"

O que tamén é unha incógnita é o ano exacto da súa tradución ao galego e o contexto en que se produce ou quen foi o seu impulsor. "Sabemos, iso si, que en Portugal o texto xa era coñecido na corte de D. Dinís (1261-1325) e foi utilizado para realizar un tratado de veterinaria que o Mestre Giraldo redactou en 1318", explica Pérez Barcala, que sinala que "é posible que o texto chegase en tempos de Afonso X (1221-1284), pois tamén na súa corte se escribiron textos relacionados cos cabalos e pode que nese momento se decidise a súa tradución ao galego". Para o autor, esta hipótese "tería sentido, tendo en conta as relacións que existían entre Afonso X e Federico II, e as similitudes entre as dúas cortes, pois en ambas as dúas había unha importante presenza de autores árabes e nas dúas se lle concedía unha importancia grande á actividade tradutora".

A edición presentada hoxe inclúe tamén un glosario, que dá conta da importancia lingüistica da tradución orixinal: "hai moito vocabulario técnico relacionado cos cabalos, as súas enfermidades e os seus coidados, e é neste texto que moitas destas palabras aparecen escritas por vez primeira en lingua galega".

Capa do libro © ILG
Imaxe dunha das copias manuscritas que se conservan do 'Liber de medicina equorum' © http://doc.med.yale.edu/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.