Morrín. Please, RT

Hai vida alén da morte dixital? CC-BY-SA Cathy Cole

Ann, a protagonista de Mi vida sin mí (2003), de Isabel Coixet, sabe que pronto morrerá, e dedícase entón a gravar cintas de audio aos seus seres queridos para que as escoiten cando ela xa non estea. A través da súa voz, recollida cunha vella gravadora, vai deixando mensaxes ás súas fillas pequenas ata que estas cumpran 18 anos. A idea de deixar un legado máis persoal que dalgunha maneira perpetúe a nosa existencia non pasou desapercibida para as redes sociais, que xa se estaban ocupando de que facer cos nosos perfís e demais propiedades dixitais cando esteamos mortos.

A vida que de forma paralela -ou perpendicular- desenvolvemos no mundo virtual non ten por que deterse no momento da nosa morte terreal. Ese é o pensamento de quen desenvolveron unhas aplicacións que se encargan de lanzar mensaxes póstumas cando xa non esteamos.

É o caso de If I Die. Lanzada en xaneiro de 2012 e desenvolvida para Facebook, é unha das ferramentas que permite subir un vídeo ou unha mensaxe de texto ao muro unha vez que tres dos teus amigos confirmen a túa morte. "Cremos que todas as persoas teñen dereito a que as súas últimas palabras sexan coñecidas, que o seu legado sexa público", explicaba Eran Alfonta, quen en 2010 puxo en marcha o proxecto como unha páxina web e que xa en 2011 tomou forma de aplicación en Facebook.

Dead Social é outra das aplicacións que, do mesmo xeito que If I Die, permiten inmortalizar esa última encomenda persoal en Facebook, pero tamén en Twitter ou LinkedIn, sen que a morte nos colla desprevidos. As mensaxes non son distribuídas até despois do falecemento e a quen e cando o programamos.

Dead Man's Switch trátase dun servizo de correo electrónico póstumo onde o usuario pode escribir e-mails que serán enviados despois da súa morte a quen elixise previamente. Esta aplicación esixe conectarse periodicamente á conta para demostrar que se está vivo porque, se non, interpretará xusto o contrario, e os correos enviaranse automaticamente aos destinatarios.

Algo similar ocorre coas contas de Gmail e Yahoo! Se non rexistran actividade, tamén te darán por morto e eliminarán as túas contas. Pero neste caso, Google xa creou unha ferramenta que, a petición expresa do usuario, encargarase dos datos asociados á conta, como os vídeos subidos en YouTube, os álbums de Picasa ou as mensaxes de Google Voice.

Con Inactive Account Manager, pódese establecer un período de tempo durante o que Google deberá esperar (tres meses, seis, un ano...). Un mes antes de que chegue a data límite, Google enviará unha mensaxe de alerta. Se pasa o mes enteiro e non hai sinais de vida, entón si dará por certificada a morte do usuario e notificaraa aos contactos de confianza que previamente se sinalaron (pode ser unha lista de até dez persoas).

Remenbered Voices preserva en liña a nosa voz na mensaxe dun contestador ou nun comentario elaborado para a eternidade. Pero en ningún destes casos se facilita a interactividade póstuma do perfil dixital. Podemos deixar mensaxes na páxina de Facebook dun defunto, pero non esperar a que este responda cun "gústame".

E tuitearei desde a tumba

LivesOn ofrece, a diferenza das anteriores aplicacións, un servizo insólito: garante que a túa conta persoal de Twitter siga enviando tuits, marcando favoritos e retuiteando outras mensaxes desde a tumba. Ao máis puro estilo da serie británica Black Mirror, a aplicación leva a cabo unha análise dos gustos, as preferencias e a forma de expresarse que se desprenden da propia conta, cando aínda estamos vivos, para mimetizar ao máximo a nosa personalidade tuiteira.

"Non devolvemos a vida aos mortos", aclaraban na súa conta de Twitter LivesOn. Segundo conta Dave Bedwood, un dos creadores da aplicación, o sistema poderá imitar o comportamento dos usuarios en Twitter. "Coñecerá os seus gustos e até poderá facer bromas que o usuario faría". Nun dos seus primeiros tuits, LivesOn proclamaba: "Deus non existe; os servidores, si. Únete á verdadeira vida que hai despois da morte". Para abrir unha conta en LivesOn, é necesario que o usuario se dea de alta e que nomee un xestor desa conta, un familiar ou un amigo, que se faga cargo dela cando el morra.

Albacea dixital

As redes sociais, as plataformas de publicación de contidos como Blogger e Tumblr, os servizos de correo e comunicación como Gmail e Yahoo, son todos eles servizos, non produtos; e a lei establece que non son transferibles. Por tanto, non se podería acceder ao contido das contas do defunto por moita consanguinidade que con el se teña. A non ser, claro, que o non vivo o prevese.

Para iso xorden servizos como E-Z-Safe. Esta ferramenta permite que todas as pertenzas dixitais dun usuario (contas, contrasinais, etc.) sexan gardadas de forma segura durante a súa vida e que, ao morrer, cheguen de igual forma ás mans de quen o usuario designase.

AssetLock é outro servizo que ofrece un depósito online seguro onde cargar contrasinais, arquivos e instrucións. Unha vez que o usuario falece, a conta desbloquéase para aqueles a os que el rexistrou como administradores. SecureSafe tamén garante que dunha forma privada e segura transferirá eses datos a familiares, persoas queridas ou amigos elixidos polo usuario para que se fagan cargo deles.

Hai vida alén da morte dixital? CC-BY-SA Cathy Cole

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.