O lume azouta o monte galego con 150 incendios en catro días

Incendio en Cualedro, esta fin de semana © Óscar Pinal

A pingas, incompleta e de cando en vez. Lonxe dos dous partes diarios cos datos concretos de cada incendio implantados pola Consellería de Medio Rural en tempos de Alfredo Suárez Canal, os actuais responsables do departamento autonómico, a comezar pola conselleira, Rosa Quintana, e polo secretario xeral de Montes que xa o fora con Manuel Fraga, Tomás Fernández-Couto, avogan por unha política de comunicación restritiva e parcial. Non se ofrecen datos actualizados dos lumes de menos de vinte hectáreas e só se informa en detalle do que o Goberno considera oportuno en cada momento, mesmo contradicindo a doutrina de Alberto Núñez Feijóo nos seus tempos de líder opositor. Este luns foi un dos días nos que a Xunta decidiu informar.

Co gallo da visita de Quintana e Fernández-Couto ao centro de coordinación dende o que se vixían os montes galegos o Executivo revelou que, malia non estar a transmitir unha situación de especial alerta, tan só "nos últimos catro días" os montes do país foron azoutados por 150 incendios que levaron por diante unhas 700 hectáreas. Durante a pasada ponte houbo, polo tanto, un "mínimo" de 30 lumes por xornada, admite a Xunta, unha situación ante a que a conselleira non estima a posibilidade de que algo falle no operativo de resposta e se centra en pedir "colaboración cidadá á hora de denunciar".

O incendio de Vilamarín xa queimou 200 hectáreas nuns días nos que a provincia de Ourense está a ser especiamente castigada

Dentro deste cento e medio de incendios destaca o declarado no concello ourensán de Vilamarín na tarde do domingo, onde as lapas xa arrasaron 200 hectáreas e que foi controlado na tarde deste luns. O dispositivo despregado alí, con 31 brigadas, 18 motobombas, 9 helicópteros, 10 avións e 11 axentes forestais pode servir para saber da dimensión deste incendio, que ameazou con poñerse á altura do padecido en Quiroga hai apenas unha semana.

De menores dimensións aínda que cunha afección importante, cando menos suficiente para ser feita pública, foron os incendios declarados no Saviñao, cunhas 20 hectáreas xa queimadas ou en Ponteareas, con 32 hectáreas. Setenta e cinco foron as que arderon en Queirugás (Verín), onde o lume xa foi extinguido despois de se xuntar co doutro incendio, neste caso de 22,97 hectáreas, sempre segundo datos da Xunta. Este incendio, xunto co de Monterrei e as súas 48 hectáreas de monte raso, amosan que a provincia de Ourense está a ser, como adoitou noutros moitos verán, especialmente castigada polas lapas.

Case 1.300 lumes no que vai de ano

Quintana defende a "máxima profesionalidade e eficacia" do operativo que dirixe

Estes lumes pasaron a formar parte dun rexistro no que, di Medio Rural, xa se contan 1.299 incendios dende o inicio de 2013. Neles, a Consellería distingue 1.302 con "categoría conatos", 185 como incendios propiamente ditos e 82 considerados "queimas controladas". Todos eles afectáronlles a 2.200 hectáreas, "das cales 1.700 corresponden a incendios", especifican. Neste contexto, Quintana lembra que "prender lume está tipificado como delito penado co cárcere", toda vez que en casos como o acontecido no Barco de Valdeorras na noite do domingo, "saltaron máis de 20 focos simultáneos" nunha pista forestal de apenas un quilómetro.

Malia ás alertas lanzadas polo persoal contra incendios por decisións como recuperar as criticadísimas brigadas municipais ou aínda que a Xunta agardase a agosto para contratar dous helicópteros do dispositivo a conselleira defende a "máxima profesionalidade e eficacia" do operativo do que é responsable principal. Como mostra das súas consideracións, di, cómpre ter en conta que os lumes destes días "foron controlados ou extinguidos nun tempo récord de resposta".

Veciñanza loitando contra o lume en Cualedro © Óscar Pinal
Brigadistas traballando en Cualedro © Óscar Pinal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.