As mellores cualificacións dos premios de Bacharelato son de centros públicos

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Doce das quince primeiras cualificacións obtidas nos exames para concorrer aos Premios Extraordinarios de Bacharelato deste ano 2013 pertencen a alumnos de centros públicos. A este galardón presentáronse 800 estudantes de centros públicos e privados de toda Galicia e, para poder participar nel, deberían ter obtido unha cualificación final media dos dous últimos cursos do ensino medio igual ou superior aos 8,75 puntos e, polo tanto, ter unha media de sobresaliente.

A maioría das mellores notas das probas son de estudantes de centros públicos

Se atendemos á listaxe provisional das notas obtidas polos alumnos nestas probas e publicadas pola Xunta, destaca o feito de que a maioría das mellores notas sexan de estudantes de centros públicos, tal e como destaca a Federación de Anpas da Costa da Morte. Os institutos públicos alcanzan case todos os primeiros postos desta clasificación, mentres que os resultados dos colexios privados son moito peores.

Así, a mellor cualificación dos vinte premios de bacharelato foi obtido por un alumno do IES Lama de Quendas de Chantada, ao acadar unha nota de 29,4 sobre 30. No segundo posto situaríase unha alumna do IES Agra de Leborís da Laracha, cunha cualificación de 28,1. "Se atendemos aos parámetros Wert e avaliamos a calidade polos resultados obtidos, os centros públicos alcanzan case todos os primeiros postos e os privados saen moi mal parados", lembran as anpas da Costa da Morte.

As mellores cualificacións son de dous alumnos de centros públicos de Chantada e A Laracha

"Todas e todos sabemos que a calidade do ensino non se avalía dese xeito -polo menos sería un sistema incorrecto- pero, como o ministro Wert e compañía usan a xestión das empresas privadas de ensino como exemplo a seguir,  pois ese sistema de xestión privada tampouco sae tan ben parado, verdade?", pregúntase a federación de anpas.

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.