Máis de 14.000 beneficiarios poden perder a súa prestación por dependencia en Galicia

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Advírteo a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). Moitas persoas maiores están a ser coidadas en Galicia polos seus propios cónxuxes, tamén de elevada idade, que "suplen a formación con agarimo". José Carlos Millán aclara que a través do Sistema de Atención á Dependencia reciben prestación un total de 39.040 persoas no país, entre os que se atopan máis de 14.000 coidadores familiares que "poderían perder a prestación económica que actualmente están recibindo", de acordo cos últimos datos e cos recortes previstos polo Goberno do PP.

A metade das máis de 39.000 persoas que reciben prestación podería perdela cos recortes

José Carlos Millán aclara que, “aínda que envellecer é un feito positivo, xa que se vive máis e mellor", o envellecemento en sociedades como a galega, onde o número de persoas con 85 e máis anos se teña incrementado significativamente, "xera o que se pode considerar como o verdadeiro problema deste grupo: a posibilidade de entrar nunha situación de fraxilidade e, polo tanto, a necesidade dun incremento do coste socio-sanitario ao que hai que facer fronte, por obriga, a fin de preservar a calidade de vida deste colectivo e dos seus coidadores”.

“O xeito de enfermar dos maiores” sinala Millán, “é presentar varias patoloxías de forma concomitante, xeralmente crónicas e con carácter invalidante, facendo que desde o punto de vista sanitario as súas estadías hospitalarias superen de media en dous días ás dos outros grupos, ademais de consumir máis fármacos, xa que, sendo o 31,1% da poboación xeran o 81,1% do gasto farmacéutico”.

Segundo a SGXX, a solución para este fenómeno -poboación envellecida e elevado consumo de recursos socio sanitarios-  é “promover o envellecemento saudable". "A solución non é recortar e recortar as prestaciones das clases máis desfavorecidas, senón poñer en marcha as medidas adecuadas de educación sanitaria e promoción da saúde, a fin de conseguir un envellecemento máis saudable e evitar na medida do posible as situacións de dependencia”, insiste.

Ademais, citan as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como "unha alternativa real, efectiva e moi útil a devandito fenómeno” polo que a SGXX “promove a súa potenciación e desenvolvemento”. De feito, a entidade participa en Galicia en distintos proxectos de teleasistencia avanzada, como recordará no seu XXV Congreso, que se celebrará a vindeira fin de semana na Coruña e que reunirá a diferentes expertos europeos, españois e galegos para debater sobre o envellecemento e as distintas alternativas que desde os diferentes grupos de investigación se teñen suscitadas para facer fronte ao envellecemento.

Imaxe dun centro de maiores na Coruña © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.