Avoaescola lanza en Ferrolterra o seu primeiro centro infantil en galego

Escola infantil CC-BY-NC-SA Karina Ibarra

A rede privada de centros infantís en galego ve a luz. O vindeiro mércores 8 será presentada no Museo do Humor de Fene a Avoaescola Ferrolterra, un "espazo educativo infantil en galego" dedicado en principio a nenos e nenas até os seis anos e que nace co obxectivo de se transformar nunha escola infantil que abrirá as súas portas no vindeiro outono para comezar "unha aventura chea de liberdade, convivencia e aprendizaxe". Pretende ser a primeira peza dunha rede dentro dun proxecto educativo "laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade" que busca espallarse por todo o país.

A escola cooperativa de Ferrolterra pretende ser a primeira dunha rede de ensino infantil vehicular en galego

Avoascola Ferrolterra, froito do proxecto Galiza co Galego, nace como primeira pata dun banco que desde hai xa algúns anos pelexa co obxectivo de conformar unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP, logo da súa substitución pola rede da Galiña Azul, que non asegura o ensino da lingua propia do país nas idades máis temperás.

Así, a Avoaescola Ferrolterra "realizará  todas as accións, actividades lúdicas e educativas en lingua galega, co fin de que nenas e nenos acaden o seu uso nas relacións afectivas e de comunicación tanto sociais como familiares", tal e como aclaran nun comunicado, no que se insiste nunha educación "liberadora e cooperativa" centrada na "motivación e interese dos meniños e meniñas, respectando o ritmo e características de cadaquén".

A escola é unha cooperativa na que as propias familias teñen poder de decisión sobre o funcionamento e mantemento do espazo

Avoaescola é unha cooperativa na que as propias familias asociadas teñen poder de decisión sobre as cuestións relacionadas co funcionamento e mantemento do espazo. Ademais, os pais e nais participan co persoal educativo na xestión e dinámica educativa. "As actividades faranse en contacto co medio natural e fomentarán a expresión artística como a música, a pintura ou o movemento", explican os promotores, que aseguran tamén que a aprendizaxe dos coñecementos será "un proceso activo lúdico de construción e investigación para as crianzas dende a creatividade e liberdade".

"A educación en valores é  clave para un desenvolvemento persoal axeitado. A tolerancia, a solidariedade, a empatía, a igualdade, as habilidades sociais ou a expresión de sentimentos serán elementos presentes no clima diario da Avoaescola", advirten, tras lembrar que a relación estará baseada "no afecto e na confianza". Ademais, Avoaescola sitúase ao lado do paseo marítimo, dun parque infantil e de amplas zonas verdes. "As propias instalacións contan con zona de xogo ao aire libre, espazos verdes e unha horta ecolóxica", polo que primará o concepto de funcionamento "sostible", aprendendo sobre ciclos da natureza a través, por exemplo, da compostaxe e reciclaxe.

O proxecto está impulsado pola cooperativa de ensino Avoaescola, que está apoiada económica e socialmente pola Asociación Galiza co Galego, en colaboración coas asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega e Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

O proxecto conta xa cun espazo web onde as familias interesadas en que os seus nenos accedan á escola poden realizar xa a preinscrición.

Francisco López e Mariló Candedo, na presentación do convenio de colaboración © NEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.