Facenda gasta 200.000 euros en 220 ordenadores con Windows

A conselleira de Facenda, nun acto público © Xunta

Plan de Acción en Materia de Software Libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o departamento que centraliza as accións da Xunta na área informática, asegura que en "todos os departamentos da Xunta" se "priman as solucións libres" á hora de adquirir equipos e programas. Concretamente, este plan do Goberno galego asegura que se propón velar polo "mantemento do software libre no posto informático do empregado público". Esta declaración de intencións vén de bater de novo coa realidade. Unha vez máis, a Administración autonómica ten que realizar un investimento en equipos informáticos nada desprezable en termos económicos, de case 200.000 euros, e unha vez máis decide que, si ou si, opta polo software privativo, nomeadamente polos programas da multinacional Microsoft.

O Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (Cixtec), dependente da Consellería de Facenda, vén de iniciar o procedemento administrativo para mercar un "mínimo" de 220 ordenadores persoais para o propio Cixtec e para varios departamentos da consellería que dirixe Elena Muñoz cun prezo de licitación -cantidade máxima que está disposta a gastar- de 199.650 euros, cun máximo de 907,50 euros por equipo. O obxectivo da operación é "substituír equipos existentes", xa que "as aplicacións actuais demandan unha maior capacidade de proceso e rapidez de resposta que os antigos ordenadores non poden soportar". "A necesidade administrativa a satisfacer é a de dotar os usuarios con equipamentos informáticos máis actualizados, cos que se poidan levar a cabo de xeito rápido e eficaz o seu traballo", resume o prego de condicións. Para todo isto, Facenda só confía en Microsoft.

Hai menos dun ano Facenda gastou máis de 100.000 euros en 110 ordenadores para os que tamén esixía Windows

Obviando as solucións libres existentes no mercado -algunhas desenvolvidas co apoio da propia Xunta- o Cixtec estipula que, entre os "requisitos mínimos" dos equipos que vai mercar, debe figurar, no que atinxe ao software, unha "licenza OEM Windows", isto é, que cada ordenador debe levar preinstalado o sistema operativo da multinacional americana, sen posibilidade de que as empresas interesadas en facerse coa contratación lle poidan ofrecer á Xunta, por exemplo, un sistema operativo libre que poida ofrecerlle as mesmas prestacións a un prezo máis económico -evitando, por exemplo, as renovacións de licenzas-. O resto de características "mínimas" refírense a requisitos como un mínimo de catro xigas de memoria RAM, un teclado compatible cun lector de DNI electrónico ou un monitor TFT de entre 21,5 e 22,5 polgadas, entre outros.

A empresa que lle subministre esta partida de ordenadores á Xunta deberá entregalos nos servizos centrais de Facenda, en San Caetano, na sede do Cixtec e nas cinco delegacións territoriais da consellería. Cando o faga -un mes despois da formalización do contrato- ficará culminada a segunda compra de ordenadores con sistema operativo privativo que realiza este departamento autonómico en menos dun ano. Como informou Praza Pública, a finais de maio de 2012 o propio Cixtec iniciou os trámites para destinar ata 100.465 euros a comprar 110 ordenadores para os que tamén esixía Windows. Esta esixencia non é, así e todo, exclusiva de Facenda. Así, por exemplo, o Parlamento de Galicia tamén pediu que os portátiles que mercou para os deputados e deputadas da IX Lexislatura tamén incluísen o programa estrela de Microsoft.

A conselleira de Facenda, nun acto público © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.