Investigadores da Facultade de Informática da UDC participan nun proxecto europeo financiado con 3.39 millóns

Facultade de Informática da Universidade da Coruña © UDC

A UDC forma parte dun consorcio ao que a Unión Europea vén de conceder 3.39 millóns de euros. Trátase dun conxunto de nove entidades que desenvolverán conxuntamente o proxecto PROWESS. O obxectivo do proxecto PROWESS é proporcionarlles ás empresas de software europeas ferramentas e técnicas que lles permitan someter os seus productos a un proceso de proba sistemático, eficaz e eficiente, de xeito que se mellore e garanta a calidade dos seus produtos antes de que estes sexan postos a disposición dos usuarios. En particular, os membros do consorcio colaborarán con empresas desenvolvedoras de software no ámbito dos servizos web e as aplicacións de internet.

En concreto, os investigadores da Universidade da Coruña, coa investigadora Laura Castro á cabeza, desenvolverán métodos e ferramentas para que os desenvolvedores de software, especialmente os desenvolvedores de servizos web, poidan aplicar técnicas avanzadas de proba aos seus produtos, contribuindo deste xeito a mellorar a súa calidade e competitividade. En palabras da investigadora, “este proxecto non só é unha oportunidade incrible de traballar con investigadores de importantes universidades europeas, senón tamén de colaborar con empresas de varios países, facendo investigación que resulta directamente aplicable, porque traballamos cada día tendo moi presentes os problemas reais e os retos aos que as empresas desenvolvedoras de software se enfrontan á hora de poñer a proba os seus servizos web e as súas aplicacións de internet”.

Xunto cos seus socios no proxecto PROWESS, os investigadores da UDC “aspiramos a conseguir que eses procesos de proba sexan máis rápidos e máis automáticos, porque os desenvolvedores de software normalmente desfrutan facendo software, e non tanto probándoo, pero probalo é esencial para garantir que todo funciona como se espera antes de que chegue aos usuarios”. Coa súa participación neste proxecto, o grupo MADS amosa que pode ser un referente no eido das probas de software a nivel europeo: “O mundo das probas software está a recibir máis atención cada día, porque as empresas estanse a decatar de que non é tanto cuestión de dedicar máis cartos ou máis tempo a facer probas que non son efectivas, senón que o que se precisa realmente son procesos e ferramentas de proba que realmente atopen os erros no software de xeito rápido e, a ser posible, automático”.

Facultade de Informática da Universidade da Coruña © UDC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.