A concelleira de Facenda da Coruña rexeita o software libre e aposta polo privativo, que compara cun Ferrari

Pleno municipal no Concello da Coruña © Concello da Coruña

O BNG presentou unha moción no pleno do Concello da Coruña para que a administración local migrase a software libre os seus sistema informáticos nun prazo de tres meses. Co aforro económico que esta medida produciría os nacionalistas propoñían así mesmo que o Concello realizase un plan de investimentos en desenvolvemento de software libre que tivese en consideración ás empresas TIC locais. A moción do BNG tamén pedía introducir no Plan Director da Axenda Dixital a priorización do uso do software de código e licenzas libres.

Porén, a moción foi rexeitada rapidamente polo grupo popular, sen deterse a debater apenas o seu contido. A concelleira de Facenda, Rosa Gallego, defendeu o uso do software privativo porque "non crea dependencia" e porque o seu uso "beneficia a empresas galegas". Ademais, botoulle en cara ao BNG que nos catro anos de goberno bipartito na cidade non levase a cabo iniciativas deste tipo.

Pero Rosa Gallego foi máis aló. Buscou desprestixiar o software libre, dando a entender que non estaba ao mesmo nivel que o privativo, que comparou cun Ferrari "cheo de gasolina". Pola contra, para a concelleira de Facenda, o software libre sería "como unha bicicleta".

Pleno municipal no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.