Que haxa twitter en galego depende dos teus votos

Captura de pantalla da web © twitterengalego

A finais de setembro Twitter autorizou o inicio do proceso para que este servizo estivese dispoñible en galego. De inmediato ducias de usuarios comezaron a traducir os distintos termos e mensaxes que forman parte da interface desta rede social e das súas aplicacións. 

Tres meses despois a tradución está completa e só falta que os usuarios rematen de votar as súas opcións predilectas e que todas sexan revisadas. Para acelerar e facilitar este proceso o equipo de voluntarios que está impulsando este proceso vén de crear Chío!. O seu obxectivo é "informar e axudar a finalizar a tradución do Twitter ao galego, como desenvolver novas iniciativas co fin de dar difusión da nosa lingua polos distintos ámbitos".

Só falta que un gran número de tradutores voten ou melloren as traducións realizadas ata agora, para dar o último paso e rematar a tradución

Na páxina informan de que a razón de que Twitter ainda non estea en galego, segundo lles confirman dende o servizo técnico do Centro de Tradución, é que non hai suficientes votacións polos termos traducidos. Polo tanto só falta que un gran número de tradutores voten ou melloren as traducións realizadas ata agora, para dar o último paso e rematar a tradución. Para colaborar no proceso de tradución e votar polas opcións que consideras máis axeitadas só tes que entrar nesta páxina. Na actualidade Twitter está dispoñible en 33 linguas, despois de que en xuño se incorporasen seis máis, entre elas o catalán e o euskera.

Captura de pantalla da web © twitterengalego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.