O TSXG emite a cuarta sentenza contraria á política lingüística do PP

Jesús Vázquez, nunha visita a un colexio ourensán © Xunta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volveu cuestionar a política lingüística da Xunta na que supón a cuarta sentenza negativa aos sete recursos ata o de agora ditaminados pola Xustiza. Logo de estimar parcialmente o recurso da Mesa, Queremos Galego e CIG-Ensino, o da Real Academia Galega e máis tarde o do sindicato STEG, desta vez o ditame dá tamén parcialmente a razón ao recurso interposto por CCOO. Ao igual que nos outros casos, o ditame decide anular o artigos 5.2 ao consideralo contrario a dereito.e faino, segundo a central, dun xeito "contundente" ao acusar a Administración de abdicar das súas tarefas.

    CCOO asegura que a sentenza rexeita o decreto do plurilingüismo dun xeito "contundente"

Así, a nova sentenza do TSXG declara ilegal a consulta aos pais coa que se pretendía determinar a lingua vehicular no ensino infantil. Non anula o artigo 12.3, que permite o alumno usar libremente a lingua oficial que queira na aula, porque este non foi recorrido por Comisións. Elimina, aínda así, o cerne da política lingüística educativa do Goberno de Núñez Feijóo. "O Tribunal afirma que a Administración abdica da súa potestade de programación xeral do ensino, que é a súa competencia exclusiva", di CCOO.

CCOO-Ensino "congratúlase con esta sentenza" porque "supón un freo nas políticas de confrontación lingüística dos gobernos do PP, que nestes días cobraron forza coa presentación do anteproxecto de lei da Lomce", no que a cuestión das linguas cooficiais "era un dos puntos quentes desta contrarreforma ideolóxica".

A sentenza "supón un freo nas políticas de confrontación lingüística dos gobernos do PP"

Ademais, o sindicato lembra que o decreto do ensino pretendeu "estimular o enfrontamento pro razón de lingua para satisfacer os sectores máis extremistas" e asegura que a lingua galega é "o auténtico patrimonio dos cidadáns de Galicia", polo que o dereito a expresarse libremente en galego debe ser "unha obriga indeclinable para os poderes públicos do país".

"Consideramos que os poderes públicos teñen a obriga política de darlle pulo á realización dun programa de protección especial xusto que sitúe ao galego en igualdade de condicións", insiste CCOO, que engade tamén que as súas críticas á polémica norma baseábanse, por riba de todo, no feito de que "non garante a competencia do alumnado nas dúas linguas oficiais".

Vázquez, co titular de Política Lingüística (dereita) e Anxo Lorenzo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.