Unha radiografía no Sergas, 35 euros; unha noite de hospital, 526 euros

Feijóo, nunha visita a un centro de saúde en Carballedo © Ana Varela

Sanidade pública, universal e... gratuita? En plena vaga de recortes sanitarios o Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de publicar o decreto no que anualmente fixa as tarifas que teñen que afrontar as persoas que non teñen cobertura sanitaria -caso por exemplo de boa parte das persoas emigrantes-, xa sexa directamente ou a través de mutuas ou seguros de responsabilidade civil, entre outras vías. Este documento reflicte a práctica totalidade dos servizos que presta a sanidade pública galega e os seus custos. É, polo tanto, unha táboa de prezos altamente ilustrativa tanto para saber o que sufraga a cidadanía a través dos seus impostos como para coñecer o que tería que pagar se estas prestacións non fosen públicas, dado que non son de balde.

Cun incremento do entorno do 2,5% a respecto das tarifas publicadas a finais de 2011 este decreto permite coñecer, por exemplo, que unha primeira consulta de atención primaria custa 68,90 euros e as sucesivas, 34,45. Se a asistencia primaria é de urxencias o desembolso será de 255,59 euros e se a consulta é ordinaria pero inclúe algunha proba complementaria, o prezo fica fixado nos 85,56 euros para a primeira consulta e nos 43,34 para as seguintes. No decreto tamén se regulan as consultas que o persoal sanitario presta en centros de orientación familiar en materias como xinecoloxía (145,21 euros) ou psicoloxía (68,90 euros), así como as probas máis básicas, caso das radiografías (35,86 euros).

Unha primeira consulta de atención primaria está valorada en 68,90 euros, a aplicación da anestesia epidural no parto fíxase nos 617,38

Pero se as tarifas de consultas xa son pouco accesibles para unha persoa sen recursos económicos que non teña cobertura sanitaria, sono aínda moito menos ao trasladarse ao ámbito hospitalario. Cada xornada de hospitalización supón 526,32 euros "por día e cama" e se esta estadía "orixina a utilización dun quirófano" a ese prezo "engadiráselle" un "incremento" de 1.025 euros "pola primeira utilización do quirófano". "A partir da segunda e cada vez que se utilice o quirófano para o mesmo proceso que orixinou a estadía aplicaráselle un 40% de incremento", isto é, 410 euros, advirte o Sergas. No caso de que o doente entre por urxencias e non fique hospitalizado a tarifa será de 359,79 euros, máis 1.000 euros "polo uso do quirófano, de ser o caso".

Os prezos soben aínda máis cando o tratamento inclúe unha intervención cirúrxica máis ou menos complexa. Así, por exemplo, unha extracción de amígdalas custa 1.140,77 euros, unha cirurxía de fimose, 1.141,01 e un legrado uterino, 1.300,73. O tratamento dunha escordadura, dun desgarro ou unha luxación nun brazo, nun antebrazo, na man ou no pé supón un gasto de 1.556,95 euros e se esta mesma lesión se produce na cadeira, na pelve ou no muslo, habería que desembolsar 3.494 euros.

Unha proba de esforzo por 309,21 euros, unha resonancia magnética por 687,85, un seminograma por 175,23 ou un TAC por 512,50 euros son outros dos prezos que detalla un decreto que tamén recolle canto custa, por exemplo, a anestesia epidural durante o parto (617,38 euros) ou unha sesión de quimioterapia, fixada en 184,52 euros aos que habería que engadirlle "o importe correspondente á medicación subministrada a prezo de custo". No caso da radioterapia, dependendo da tecnoloxía e do tipo de tratamento os prezos van dende algo menos de 200 euros ata case 2.000.

O pagamento para "irresponsables"

No articulado desta tarifa a Consellería de Sanidade inclúe unha disposición adicional inédita ata 2011 e que deixa o campo notablemente aberto para a introdución de medidas de copagamento. Apoiándose na Lei de Saúde de Galicia, impulsada no ano 2008 polo bipartito de PSdeG e BNG, o departamento que dirixe en funcións Rocío Mosquera advite de que "poderá establecerse un procedemento para repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por eles como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do sistema público de saúde de Galicia".

A combinación do decreto coa Lei de Saúde deixa a porta aberta a cobrarlle pola asistencia a quen non acuda a unha cita programada

E isto, que quere dicir? Atendendo aos artigos da lei aos que remite o decreto coñecemos que entre os "deberes sanitarios" dos pacientes do Sergas hai preceptos notablemente difusos que o actual Goberno pode, coa súa propia normativa na man, aferrarse para obrigar un paciente a pasar por caixa. Trátase, por exemplo, da obriga de empregar "axeitadamente" os "recursos e servizos" do Sergas, manter a "observancia" sobre as normas de cada centro sanitario ou "cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso" ás prestacións.

Se cadra a maior marxe de manobra está na referencia que a táboa de prezos do Sergas fai ao punto 11 do artigo 15 da Lei. Nel sinálase a obriga de "comunicarlle ao sistema sanitario, coa maior brevidade posible, a non utilización por calquera causa dun servizo programado previamente". Así as cousas, e sempre atendendo á literalidade do decreto de tarifas, un paciente que non acuda a unha cita programada e non o comunique "coa maior brevidade" podería ter que pagala cando reciba o servizo.

Feijóo, nunha visita a un centro de saúde en Carballedo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.