A empresa viguesa 2mares, premiada nas 'olimpíadas tecnolóxicas europeas'

Imaxe dos gañadores no 10 de Downing Street © StartUp Games

Os StartUp Games son coñecidos coma as "olimpíadas tecnolóxicas europeas". Están organizadas polo Goberno británico para atraer empresas TIC con alto potencial e este ano celébranse no marco dos xogos paralímpicos, tendo como escenario o parque olímpico e a TechCity de Londres. Presentáronse máis de 500 empresas de 20 países, seleccionándose finalmente 120 proxectos, que competiron durante tres xornadas a pasada semana. Entre eles escolléronse 16 gañadores, e un deles foi unha proposta galega, realizada pola empresa viguesa 2Mares. Trátase de Intellixente, unha solución para servizos de atención ao cliente nas redes sociais.

Intellixente, unha solución para servizos de atención ao cliente nas redes sociais, foi un dos proxectos gañadores

A avaliación foi realizada por expertos da escena tecnolóxica londinese coma o director de adquisicións de Google, e investidores de JPMOrgan ou Bloomberg. Finalmente, os gañadores foron conducidos nun  tradicional autobús londinense de deseño futurista até o número 10 de Downing Street, sede da Presidencia do Goberno, onde recibiron os premios.

Segundo Enrique de Miguel, CEO de 2Mares, "ademais da satisfacción de obter este recoñecemento ao esforzo do equipo de 2Mares nos dous últimos anos de traballo, esta foi unha oportunidade excelente para dar a coñecer a nosa tecnoloxía e produto nun mercado coma o do Reino Unido e establecer contactos que nos van axudar no camiño de construír un produto global, así coma na internacionalización da nosa empresa e mercados".

Imaxe dos gañadores no 10 de Downing Street © StartUp Games

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.