O galego naceu en Turquía?

Mapas das linguas de Europa Dominio Público Wikipedia

A orixe común da grande maioría de linguas europeas podería estar na península de Anatolia, no que hoxe é Turquía. Esa é a conclusión dun estudo que hoxe publica a revista Science e levado a cabo por un grupo de investigadores europeos, americanos, australianos e neozelandeses.

Desde o Atlántico até a India moitos idiomas comparten palabras e estruturas gramaticais semellantes que fan pensar nunha única lingua común perdida: o indoeuropeo. Unha hipótese na que lingüistas e arqueólogos levan dous séculos a traballar.

O estudo empregou unha base de datos sen palabras galegas

Os investigadores empregaron un método estadístico deseñado para investigar a orixe de brotes de virus a través da análise molecular. Para iso introduciron as palabras dunha base de datos con palabras de 103 linguas indoeuropeas no lugar dos datos de ADN. Nesa base hai palabras do portugués europeo e brasileiro, pero non do galego

Este sistema é un dos que ten máis potencialidades para reconstruír a árbore xenealóxica das linguas indoeuropeas a través da comparación de palabras e determinar a orixe das distintas ramas, sinala por correo eléctrico a Praza Pública o investigador Quentin Atkinson, da neozelandesa universidade de Auckland

Porén, nin esta teoría nin os resultados son novos. Hai xa case 20 anos outros investigadores rusos realizaron unha investigación moito máis fonda e chegaron á mesma conclusión.

Os resultados do estudo xa foran presentados hai 20 anos

Para o catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela José Carlos Bermejo este estudo é unha mostra dos problemas da ciencia actual. Boa parte das investigacións sobre os indoeuropeos foron publicadas en linguas como o alemán, e non en inglés, o único idioma empregado por moitos científicos. Segundo Bermejo, isto leva a "presentar como descubrimentos cousas que xa se sabían". 

Atkinson escúdase nas ríxidas normas das publicacións científicas, que obrigan a citar un número limitado de referencias bibliográficas, polo que escolleron "os máis representativos e os máis citados". O número de citas que recibe un artigo é unha medida estatística que non sempre reflicte a importancia do seu contido

O catedrático da USC lembra que a existencia dos indoeuropeos é simplemente unha hipótese, e insiste na dificultade de falar sobre linguas das que non queda ningún rexistro escrito. O teórico vocabulario indoeuropeo dedúcese ao comparar as palabras semellantes de diferentes linguas para extraer unha suposta raíz orixinal, da que non hai probas. "Lingua e arqueoloxía non casan", remarca. 

Bermejo: "Lingua e arqueoloxía non casan"

Amais, Bermejo asegura que a teoría dun lugar de orixe común da lingua indoeuropea xa foi rexeitada desde os anos 60 e 70, se ben Atkinson aínda a considera válida. Esta concepción viña do século XIX, cando os arqueólogos entendían os indoeuropeos como unha raza única, cunha lingua única, e cunha patria concreta. O que non deixaba de ser unha aplicación dos nacionalismos desa época a un pobo milleiros de anos anterior

A idea dos indoeuropeos como un pobo guerreiro máis forte que o resto serviu de base para teorías racistas posteriores como as dos nazis alemáns, que se consideraban herdeiros deles. 

O estudo publicado en Science mantén tamén a idea das invasións dos indoeuropeos desde o seu lugar de orixe mantendo a súa lingua, que Bermejo rexeita.  De aplicalo a Galiza, "diríamos que aquí chegou un pobo, os galegos, que falaban unha lingua, o galego, e todos sabemos que non foi así, porque as linguas e os pobos son resultado de procesos históricos moi longos", asegura. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.