O tempo de espera por unha operación cirúrxica no Sergas sobe un 20% en tres anos

Profesionais dun hospital público galego © Sergas

É unha das clásicas armas que botar á cabeza do adversario político cando este se ocupa do Goberno. Tamén é unha das máis recorrentes promesas electorais. E, polo momento, os datos seguen a ser teimudos fronte ás promesas e previsións gobernamentais. As listas de espera cirúrxica do Servizo Galego de Saúde seguen a ofrecer uns rexistros considerablemente elevados que, malia a lixeiras diminucións puntuais, manteñen a case 40.000 doentes en agarda por unha intervención, milleiros de persoas que agardan, como media, un 20% máis que hai tres anos.

Segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería de Sanidade, para acceder a unha operación na rede pública de hospitais o tempo medio de espera sitúase en 80,3 días, moi lonxe dos 65 prometidos polo Goberno que só se conseguen se conseguen eliminando da estatística ao hospital Povisa, o centro privado que, en virtude dun concerto coa Xunta, é o de referencia para máis de 100.000 pacientes da cidade de Vigo e do seu entorno. Non en van, se non fose por Povisa a cifra media de agarda quedaría en 59,5 días, dato que botan por terra os 192,7 que hai que agardar para ser atendido no centro vigués.

Povisa acumula unha lista de máis de seis meses para acceder a unha operación

Á marxe da cuestión concreta de Povisa, os rexistros tampouco son especialmente esperanzadores en termos plurianuais, máis aínda tendo en conta que o dato trimestral de xuño foi o peor dende que o actual Goberno tomou posesión. Así, cos populares acabados de chegar á Xunta, en xuño de 2009 as estatísticas oficiais dicían que no Sergas cumpría agardar unha media de 67 días para acceder a unha operación. Un ano despois, no mesmo mes de 2010, o rexistro subía ata os 71 días. En 2011 o incremento volveuse producir, chegando aos 73, sete menos dos actuais 80.

Este mes de xuño tampouco sae ben parado se a comparación se realiza en termos de número de persoas que agardan para seren operadas. Se ben non é o peor mes da serie -foino o de 2011, con 38.291 doentes agardando- os 37.689 pacientes que esperan convérteno no segundo peor. Está lonxe dos 36.180 que recollía a lista en xuño de 2010 e máis aínda dos 34.048 que atopou o actual Executivo nas estatísticas de xuño de 2009.

Profesionais dun hospital público galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.