Chega o primeiro gran dicionario inglés-galego

Xavier Gómez Guinovart, á dereita © Código Cero

A obra, realizada polo Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo e publicada por 2.0 Editora, ten máis de vinte mil entradas e foi construída a partir dun corpus de traducións orixinal, sen pasar por outros dicionarios. Trátase do primeiro gran dicionario bilingüe inglés-galego, indo moito máis aló da valiosa achega do Dicionario Elemental publicado en Xerais por Benigno Salgado, que non chegaba ás tres mil entradas. O seu valor radica, ademais, no seu proceso de elaboración, que permite que os sesenta mil exemplos de frases, en inglés e galego, partan dun corpus real de traducións xa existentes, tanto literarias, especializadas, científicas coma de fala coloquial. 

O Dicionario Moderno Inglés-Galego foi realizado por un amplo equipo humano, no que destacan Alberto Álvarez Lugrís, Eva Díaz e Xavier Gómez Guinovart, o seu coordinador, co que falamos. O Seminario de Lingüística Informática leva anos desenvolvendo unha valiosísima actividade investigadora, que de inmediato é posta a disposición dos usuarios na rede. Bos exemplos son o tradutor automático apertium, o corrector ortogal, e o propio dicionario inglés-galego en liña. E moitos outros, coma os corpus lexicográficos de consulta pública, e a partir deles os xermolos de dicionarios español-galego, francés-galego ou alemán-galego, ou a neoteca, unha completa escolma de neoloxismos.

Como nace o proxecto de facer un dicionario completo inglés-galego?

Este proxecto naceu hai moitos anos, como un produto dun proxecto de recompilación de traducións do inglés ao galego no que levamos traballando no noso grupo de investigación da Universidade de Vigo dende hai unha década. Un dos traballos previos foi a recollida de obras orixinais en inglés traducidas ao galego, un total de dez millóns de palabras, procedentes de obras literarias, de revistas especializadas, do Correo da Unesco, de programas informáticos ou de filmes subtitulados en inglés que tamén foran traducidos ao galego, o que achega moitas palabras da lingua coloquial.

Ese proceso é o que asegura a súa calidade, logo?

"Permite axustar a calidade das traducións e ofrecer unha correspondencia máis galega, máis enxebre e máis exacta da que se podería obter empregando a ponte do español"

Si, este é un dicionario empírico, realizado a partir de traducións feitas e non simplemente un dicionario copiado doutros ou traducido dun dicionario español-inglés, non empregamos eses métodos, senón que partimos de cero, das traducións orixinais do inglés ao galego. Permite axustar a calidade das traducións e ofrecer unha correspondencia máis galega, máis enxebre e máis exacta da que se podería obter empregando a ponte do español e realizando despois unha segunda tradución ao galego.

Pero antes de pasar a papel, xa se podía consultar na rede, dalgún xeito?

"Sabíamos que para chegar aos estudantes de ensino medio, por exemplo, o dicionario tiña que estar en papel e tiña que estar nas bibliotecas escolares"

No ano 2006 puxemos na rede o dicionario inglés-galego, a partir do corpus que fóramos construíndo, e non chegaba ás sete mil entradas. Despois fixemos unha segunda edición, de vinte mil entradas, que se publicou en 2008; nese proceso traballou moita xente, porque o proceso foi moi complexo, pois a maior parte das obras estaban só dispoñibles en papel e había que escanealas e convertelas en texto. A edición en liña era moi consultada, pero eramos consciente que só a usaba un determinado tipo de público máis especializados. Sabíamos que para chegar aos estudantes de ensino medio, por exemplo, o dicionario tiña que estar en papel e tiña que estar nas bibliotecas escolares. Neste proceso houbo un traballo moi grande de corrección e de depuración. Buscamos un editor e apareceu Antón Lado, que tivo a valentía que editar este dicionario, que é unha grande aposta para unha editorial pequena. 2.0 Editora foi a única que se atreveu a meterse neste proxecto tan ambicioso.

A quen vai dirixido? Para quen pode ser útil?

Un dicionario ten que ser popular e útil para moitas persoas. Un dicionario coma este, aínda que parta dun grupo de investigación académico é un dicionario como outro calquera: ten a palabra inglesa, a súa correspondencia en galego e un exemplo; aparentemente é un dicionario normal, pero ten detrás unha investigación científica de moitos anos. É o primeiro dicionario baseado en corpus da lexicografía galega, baseado en textos documentados. En definitiva, este dicionario é útil para calquera persoa que traballe coa lingua, dende filólogos e tradutores, pero tamén xornalistas, e tamén estudantes de calquera nivel que teñan que usar textos en inglés.

E ademais é o único que existe...

Si, o público é moi amplo tamén porque é o único dicionario inglés-galego que temos e por estar actualizado. Até agora o único que tiñamos era o Dicionario Elemental publicado por Xerais por Benigno Salgado, que non chega ás tres mil entradas. Este dicionario é dez veces maior en número de entradas; cada unha das trinta mil palabras que temos leva un exemplo en inglés e outro en galego.

Que criterios seguistes para a escolla léxica?

Nos orixinais en inglés había máis de cen mil palabras, mentres que no dicionario hai vinte mil entradas; o criterio que seguimos foi o de frecuencia de uso en inglés. Un dicionario escolar ten que ter un mínimo de vinte mil palabras, e aínda que nos gustaría facer un diccionario de cen mil entradas, este proxecto ten os seus límites e mesmo así a edición final ten máis de 1.300 páxinas.

Que outros proxectos tedes en mente no Seminario?

"Gustaríanos sacar adiante outros produtos que non existen, coma os dicionarios francés-galego ou alemán-galego, ou iniciar outros proxectos, coma un dicionario catalán-galego"

Cada vez temos menos axuda para a investigación por parte da administración, e necesitaríamos ese apoio para levar a cabo outros proxectos, que serían moi interesantes, como desenvolver o dicionario español-galego baseándonos nesta técnica de partir de corpus orixinais de traducións, ou sacar adiante outros produtos que non existen, coma os dicionarios francés-galego ou alemán-galego, ou iniciar outros proxectos, coma un dicionario catalán-galego. E así ir ofrecendo ferramentas para as persoas que utilizan a lingua.

Alberto Álvarez Lugrís e Xavier Gómez Guinovart, hai uns anos, durante a presentación do novo dicionario inglés-galego en liña © Código Cero
Capa do dicionario CC-BY 2.0 Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.