Un dominio para que Galicia gañe prestixio en todo o mundo

Presentación da candidatura, esta mañá: Valentín García, Mar Pereira, Manuel González e Jordi Iparraguire © Xunta

Ultimamente fálase moito da importancia das marcas relacionadas cos territorios, da trascendencia económica e para o éxito das empresas dun país da imaxe que se xere no exterior. O contarmos cun dominio de internet de primeiro nivel tamén ten que ver con iso. A aventura do puntogal xa está en marcha. Este martes presentouse oficialmente en Compostela a candidatura galega para contar cun dominio de primeiro nivel en Internet. Partidos políticos, universidades, entidades sociais e máis de doce mil sinaturas apoian unha iniciativa que terá beneficios para a cultura e lingua galegas e tamén para as empresas do país.

Na presentación da candidatura participaron representantes de varias entidades e colectivos, que participaron nun coloquio sobre o impacto do .gal na Internet galega no que interviron o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Internet EGANET, Víctor López, Manuel Gago, director do portal do Consello da Cultura culturagalega.org e bloguero, e Marcus Fernández, webmaster da revista Código Cero e membro da directiva da Asociación PuntoGal. Previamente interviran a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Pola súa banda, Manuel González, presidente da Asociación puntogal e membro da Real Academia, destacou na súa intervención que o .gal servirá para aumentar o prestixio da lingua galega tanto a nivel internacional como dentro de Galicia, favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións. Finalmente, o director da Fundació puntCAT, Jordi Iparraguire, explicou a traxectoria e os beneficios acadados gazas a .cat na conferencia A experiencia do .cat, o dominio da lingua e cultura catalás.

 

Un investimento produtivo

Este proxecto contou co apoio decidido da Xunta de Galicia, tanto do goberno anterior coma do actual, e en total desde 2007 a administración autonómica achegou máis de 490.000 euros

Este proxecto contou co apoio decidido da Xunta de Galicia, tanto do goberno anterior coma do actual, e en total desde 2007 a administración autonómica achegou máis de 490.000 euros á Asociación Puntogal para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura. Deste importe, 213.000 euros corresponden ao convenio asinado este ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a asociación para financiar os custos de matrícula (145.000 euros), o aval esixido pola entidade, así como as accións de difusión e participación nas actividades que que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.

PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.

 

Os dominios, un mercado en crecemento

En 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un crecemento do 10%, malia que ese ano o PIB da autonomía só medrou o 0,5%

O mercado de dominios mantense en forte crecemento malia a crise económica. A nivel mundial a taxa de crecemento varía entre o 12 e o 20% nos últimos exercicios. En 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un crecemento do 10%, malia que ese ano o PIB da autonomía só medrou o 0,5%. A finais do ano pasado había en Galicia máis de 47.000 dominios rexistrados, cunha taxa de novas altas que oscila en torno a 10.000 novos dominios .es anuais, nun contexto de estancamento ou recesión económica.

Presentación da candidatura, esta mañá: Valentín García, Mar Pereira, Manuel González e Jordi Iparraguire © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.